5/4/09

UN CENTENAR DE ALUMNOS NON PODERAN IR O COLEXIO MAIS PROXIMO AS SUAS CASAS

O redor dun centenar de nenos non poderán estudar no colexio máis próximo á súa casa durante o curso que vén. Os problemas na escolarización volven á actualidade, despois de que o pasado 31 de marzo os pais dos alumnos entregasen as últimas preinscricións para elixir o centro dos seus fillos. A pesar de que será a comisión de escolarización a que leve a cabo as admisións atendendo ao baremo, os nervios xa se comenzaron entre as familias.
Contrastes.
A imposibilidade de absorber toda a demanda dalgúns centros do casco da capital de Bergantiños contrasta con outros centros nos que a media de alumnos por aula é baixa. É o caso do San Luís Romero ou o colexio da Gandara de Sofán, que non chega os 70 alumnos. Coa nova zonificación, que está arrincando, espérase mellorar esta distribución tan desigual.

FEDERACION MUNICIPAL DE ANPAs DE CENTROS PUBLICOS DE CARBALLO.
«Presentamos un estudo en Educación fai tres anos advertindo do problema de prazas que ía haber». Encarna Herranz Presidenta da Federación de ANPAs de Centros Públicos de Carballo.
A presidenta da Federación de ANPAs de Carballo, Encarna Herranz, cre que a Delegación de Educación debería prever o problema da insuficiencia de prazas nos colexios. «O delegado coñece este tema, xa que tanto o Concello como a nosa Federación enviou toda a información, na que se advertía destes problemas, ademais, cónstanos que tanto o Alcalde como a Concelleira de Educación fixeron xestións para buscar solucións». Aínda así, a representante dos pais cre que as familias deben estar tranquilas, xa que ata que a comisión de escolarización non se reúna non hai nada seguro. «De momento, é mellor esperar a ver o que pasa, porque non hai ningunha decisión tomada. En realidade, o que nos molesta é que xa se sabía que este momento ía chegar, e non se tomaron solucións».
Desigualdades:
Cre que as desigualdades de servizos entre os centros do municipio, son unha das principais causas dos desaxustes entre a oferta e a demanda de prazas. «O que non é normal é que o colexio de Sofán estea baleiro e outros, como o Fogar saturados, nin que neste estuden 700 nenos e só haxa 200 prazas de comedor».

COLEXIO FOGAR.
O colexio Fogar, que é un dos centros educativos máis grandes de Galicia, recibiu este curso máis solicitudes. Os problemas máis graves sitúanse en primeiro de educación infantil (onde existen 50 prazas para 89 solicitudes), en segundo (cinco peticións para ningún posto) e no primeiro curso de primaria (hai 25 preinscricións e ningunha vacante). O director do centro, Fernando Garea, explicou que aumentaron as solicitudes con respecto ao ano anterior. «Cónstanos que a maior parte das peticións son de nenos da contorna do colexio, por iso esperamos que se lles dea unha solución porque existe moita incerteza. De todos os xeitos, será a comisión de escolarización a que se encarga deste asunto», explicou o responsable do centro.

COLEXIO BERGANTIÑOS.
No colexio Bergantiños, a directora indicaba onte que, no seu caso, hai máis solicitudes que prazas nos primeiros cursos de Primaria. «En tres anos parece que non vai haber demasiados problemas, pero aínda non podemos dicir nada, porque a comisión terá que estudar as solicitudes», apuntaba. Pero as matemáticas non fallan e se Educación non pon unha solución de cara o curso que vén, haberá máis solicitudes que prazas ofertadas. «Terán que facer algo, sobre todo cando xa sabían co que se ían atopar o curso que vén, que é cando se escolarizan os nenos nados fai tres anos co bum demográfico», queixábase unha nai de Carballo.

A CONCELLEIRA DE ENSINO.
Mar Eirís explicou que o inspector de zona está buscando solucións á falta de vacantes. A Concelleira de Educación de Carballo, Mar Eirís, explicou que tanto ela como o inspector educativo xa tiveron varias reunións para analizar a situación da escolarización no municipio. A edila explicou que unha das solucións que se está barallando sería a posibilidade de habilitar novas aulas no colexio Bergantiños. «Esa sería unha boa opción, xa que hai sitio, pero de momento está todo non aire, porque o cambio de goberno na Xunta pode paralizar un pouco máis o proceso». Con todo, pediu ás familias «tranquilidade. Prazas vai haber para todo o mundo, xa que se están buscando solucións». En canto o problema de Sísamo, Eirís anunciou que o inspector reunirase cos pais para tratar o problema que expón, aínda que insistiu en que o baremo na admisión sempre puntúa máis aos nenos con irmáns no centro.

A UNITARIA DE SISAMO.
Sete familias de Sísamo poderían quedar sen praza na súa escola, onde estudan nenos de Carballo. Un grupo de pais da parroquia carballesa de Sísamo poderían verse obrigados o curso que vén a ter que levar os seus fillos a un colexio do centro urbano de Carballo. O problema está en que a escola rural só oferta dúas prazas. «Sabemos que hai dous alumnos que son de Carballo e como teñen os seus irmáns xa no colexio, entrarán con prioridade sobre os nosos», explicaba onte un veciño. Os veciños de Sísamo están indignados con esta situación, e non están dispostos a matricular os seus pequenos noutro centro que non sexa o da súa parroquia. «Non puxemos máis colexios na solicitude, porque non nos parece xusto esta solución. A escola de Sísamo terá que ser para os nenos de Sísamo, é que non ten lóxica outra cousa, sobre todo cando é porque os que lles toca o San Luís Romero non lles dá a gana de ir».
Matrículas.
Este é un dos motivos polos que, nos últimos anos, a escola da parroquia chega ao tope de matrículas. Algúns dos nenos que estudan neste centro correspóndelles por zona A Milagrosa, pero algúns pais preferiron ter que coller o coche a levar, a pesar de que se trata do centro mellor equipado do municipio e, o contrario dos comentarios que circulan entre numerosas familias, a inspección educativa cualifícao como un dos centros menos problemáticos da zona. Agora, os irmáns deses alumnos que entraron fai un par de anos matricularanse por diante dos da propia parroquia. «O peor de todo é que nos din que non nos queixemos, que grazas os nenos de Carballo temos escola aquí en Sísamo, pero se non nola deixan utilizar, non sei para que a queremos», apuntaron. Os pais están á espera de ser recibidos polo inspector de zona.

COLEXIO SAN LUIS ROMERO.
No San Luís Romero aumentou de novo o número de preinscricións.
O colexio San Luís Romero recibiu o redor de dez solicitudes para o curso que vén. A pesar de que a cifra parece ridícula, a directora, María Luisa López, sentese moi satisfeita polo crecemento que está experimentando o centro. «Estamos contentos, porque cada vez son menos alumnos os que abandonan o colexio. Estamos nunha liña ascendente moi positiva». No colexio da Milagrosa hai 18 alumnos por aula, unha cifra coa que están moi contentos tanto os pais como os educadores. «Se nós estamos moi ben así, o que pasa é que nos doe que a xente fágase ideas equivocadas sobre o centro. Este curso tivemos 130 alumnos, o noso pico máis baixo foi de 98 e o máis alto de 160», apunta a educadora. E engadiu: «Este ano estou moi contenta porque temos dúas familias ás que lles tocaba ir a outro colexio e elixiron o noso. Iso é o que a min me enorgullece, que á xente non lle dea vergoña recoñecer que están a gusto aquí, porque a presión do pobo é moi poderosa».

No hay comentarios: