7/6/09

CONCLUSION DA REUNION CELEBRADA O XOVES POLA COMISION DE ESCOLARIZACION DE CARBALLO

Carballo terá o próximo curso seis unidades educativas novas.
A comisión de escolarización asignou onte as prazas aos alumnos excluídos das primeiras admisións.

COLEXIO DA CRISTINA.
No noso colexio foron admitidos finalmente os tres nenos de tres anos que estaban pendentes de ter praza, os cales se lle asignaron as tres prazas por non haber ningunha solicitude para alumnos con necesidades educativas especiales.

A capital de Bergantiños terá o curso que vén seis novas unidades educativas coas que se pretende acabar cos problemas de escolarización que arrastra a localidade. A comisión que se encargou deste trámite (formada por representantes de directores, docentes e pais, ademais do inspector de zona, Manuel Abeledo, e a concelleira de Cultura, Belén Lendoiro) asignou onte as prazas aos alumnos que quedaran excluídos tras a publicación das primeiras listas.

Fixeronse públicas as novas listaxes nos respectivos centros educativos de Carballo. O órgano tratou de respectar a orde de preferencia das solicitudes dos aspirantes de cada colexio, repartindo, en primeiro lugar, as prazas que se reservan para alumnos con necesidades educativas especiais e que non se cubriu.

SISAMO.
Unha das principais demandas era a exposta polos pais da escola unitaria de Sísamo, que o curso que vén contará cunha unidade de infantil nova, para evitar deste xeito que os nenos desta parroquia carballesa teñan que estudar en centros do centro urbano, como se insinuou nun primeiro momento. Esta habilitarase na asociación de veciños. Algo similar sucederá en Cances, onde se habilitará unha clase a maiores no centro social desta localidade. O Concello de Carballo asumirá as obras para transformar estas dúas instalacións.

CANCES.
A Deputación da Coruña aprobará este mes o financiamento para o novo centro social de Cances. Unha das consecuencias da ampliación do número de unidades escolares en Cances será a desaparición do actual centro social, habilitado, precisamente, nunha das antigas aulas. A decisión víase vir, dado o incremento da poboación infantil na parroquia, e fai xa meses que o Concello de Carballo abordou as posibles solucións coas asociacións que desenvolven a súa actividade no local. Así xurdiu a proposta de construción dun novo centro social que pasará a formar parte da rede municipal, na que xa están incluídos os de Berdillo e Sofán, terminados nos últimos anos, e na que tamén se integrarán os de Imende e Oza, que están agora en fase de execución con cargo ao Fondo Estatal de Investimento Local (FEIL).

COLEXIO FOGAR.
Haberá praza para os nenos de tres anos da área de influencia do Fogar que quedaron en lista de espera. Coas novas medidas propostas na comisión de escolarización de onte, os nenos de tres anos que quedaron en lista de espera e que son da área de influencia do Fogar, terán o curso que vén praza no centro carballés. A creación de dúas unidades novas neste nivel deixará fóra da lista de espera a un número importante de escolares. Aínda así, non todos poderán ir ao Fogar, xa que na segunda clase non se cubrirán as 25 prazas, se non que se reservarán unha parte delas para os alumnos dos centros adscritos ao Fogar. Estas medidas permitirán aos aspirantes que son da área de influencia do centro conseguir praza no centro que lles corresponde. Non serán as únicas clases novas. O recinto disporá a partir de setembro dunha unidade máis para primeiro de primaria (que se cubrirá na súa totalidade son as solicitudes que quedaron en lista de espera) e outra para segundo, na que se reservarán prazas para os centros adscritos ao Fogar adiantándose un pouco aos problemas en sucesivos cursos, xa que o centro non pode dar cabida a unha quinta unidade polos problemas de espazo.

BERDILLO.
Con estas medidas, os alumnos de segundo de primaria de Berdillo pasarán o curso que vén ás dependencias do colexio Fogar, polo que na parroquia quedarían unicamente dúas unidades dedicadas a educación infantil.

A asignación realizada pola comisión de escolarización pretende pór punto e final ás reclamacións das familias que, nas últimas semanas, realizaron diversas actuacións para pedir unha mellora no sistema educativo co que conta a capital de Bergantiños. Entre estas actuacións atópase a recollida de firmas levada a cabo por un grupo de nais de nenos de tres anos que, tras a publicación da primeira lista, quedaron excluídos do centro escolar, sendo este o que lles correspondía por área de influencia.

Os pais dispón dun mes para as súas reclamacións.
As familias que non estean de acordo coa nova asignación de prazas terán un mes para realizar as súas reclamacións, aínda que neste caso terán que esperar a que pase o verán para coñecer o resultado. A comisión de escolarización volverase a reunir no mes de setembro para realizar unha segunda volta, xa que pode haber novas vacantes por diversos motivos. Por outra banda, a edila de Educación de Carballo, Mar Eirís, ten previsto convocar nas próximas semanas un consello escolar municipal para tratar todos estes temas.
.

No hay comentarios: