17/10/08

PROGRAMA CONCILIA



Os alumnos do colexio A Cristina de Carballo tamén poden participar no programa Concilia


Os alumnos do colexio A Cristina tamén poderán beneficiarse do programa Concilia, promovido pola Concellería de Igualdade de Carballo coa finalidade de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar. O centro situado nas inmediacións do Parque do Anllóns foi un dos tres pioneiros nos que se puxo en marcha a iniciativa o curso pasado, pero ao comezo do actual non repetiu a experiencia, como si fixeron o Bergantiños e o Fogar. Os encontros mantidos nas últimas semanas entre representantes da concellería, a dirección do colexio e a ANPA «serviron para chegar a un acordo definitivo», segundo a información facilitada onte dende o Concello de Carballo.



Mentres que nos outros dous colexios o programa xa funciona dende setembro, no de A Cristina botará a andar esta mesma semana. Deste xeito, os pais que o desexen poderán deixar aos seus fillos no centro a partir das sete e media da mañá. Un grupo de monitores especializados encargarase da acollida, a protección e a vixilancia dos nenos, ademais de cubrir as súas necesidades didácticas e de ocio. Tamén cabe a posibilidade de escoller a modalidade que inclúe o almorzo. As opcións, tanto de horario como de días, son múltiples, ao igual que as tarifas pola utilización do servizo, que están a disposición dos interesados tanto nas oficinas do Concello de Carballo como na súa páxina web.



Nos colexios Fogar e Bergantiños, onde o programa Concilia está operativo xa dende o 12 de setembro, os pais interesados tamén poden dispoñer do servizo previa solicitude no Concello, onde se facilitan os impresos correspondentes.

No hay comentarios: