29/3/09

A ANPA PARTICIPOU NO XURADO DA ELECCION DE CARBALLES, BERGANTIÑAN E GALEGO DO ANO


A Presidenta da ANPA, Begoña Pose, participou o sábado 28 na elección do Carballés, Bergantiñán e Galego do Ano en Carballo.

Medio centenar de entidades avalan este ano os premios do Padroado Fogar de Bergantiños. As votacións do sábado foron das máis concorridas dos últimos anos.
Os premios Carballés, Bergantiñán e Galego do Ano 2008 xa teñen nomes e apelidos. Fina Rey, a Fundación Eduardo Pondal e Jorge Mira, foron os elixidos no salón de actos da parroquia de San Xoán Bautista, nunha das asembleas máis concorridas dos últimos anos, na que estiveron representadas 49 entidades dos sete municipios da comarca.
A primeira rolda de votacións para elixir Carballés non deixou lugar a dúbidas. Fina Rey arrasou con 38 votos, a pesar de que competía con outros oito candidatos, todos eles con motivos para ser elixidos. A elección da mestra carballesa, recentemente xubilada, foi unha das máis contundentes da historia dos premios, segundo recordaban os seus organizadores, os representantes do Padroado Fogar de Bergantiños, que cada ano encárganse de todo o proceso de convocatoria, votación e entrega dos galardóns.
Decidir entre os oito aspirantes a Bergantiñán foi máis difícil. Na primeira rolda xa despuntou a Fundación Eduardo Pondal, pero foi necesario recorrer a unha segunda para que Lida Remuiñán e Xusto Vitureira quedasen definitivamente descartados, polo menos por este ano.
O proceso foi moi parecido para elixir ao Galego. Jorge Mira xa conseguiu o 49% dos votos na primeira rolda, pero non superou a metade nin tivo un terzo máis que o segundo clasificado, polo que houbo unha nova votación na que xa acaparou o 55,3% das papeletas posibles.
O Padroado pasará agora ao seguinte tramo do proceso, que consiste en fixar cos premiados a data de entrega das figuras conmemorativas. O acto celébrase todos os anos no salón de plenos do Concello de Carballo.

Fina Rey, unha mestra implicada na educación.
Fina Rey Baldomir xubilouse o curso pasado tras unha longa etapa como directora do colexio Bergantiños e outra aínda máis longa de experiencia docente. Pero non só destacou pola súa dedicación aos alumnos, senón tamén pola súa implicación nos problemas sociais da capital de Bergantiños. Así, ocupa o cargo de vicepresidenta da asociación antidroga Vieiro, da que é, ademais, responsable de prevención. divulgou as escolas de pais e na actualidade dirixe o programa de apoio escolar Carballo de Arriba.




No hay comentarios: