8/2/09

OS NENOS XA DISPOÑEN DO ALBUM DE ADIVIÑAS, ENMARCADO NO PROXECTO "AS ADIVIÑAS NA FALA VIVA"

Os nenos do colexio empezan a chegar a casa co albúm das adiviñas, este albúm que forma parte do proxecto "As Adiviñas na Fala Viva" elaborado polo colexio e coordinado pola profesora Cristina Alonso, é unha vez máis un orgullo de tódolos pais polo bo facer do colexio na contribuciónción que se fai os nenos dos aspectos máis etnográficos e educativos, vaia por diante a nosa noraboa.

Fai clik sobre as imaxes para amplialas
Co propósito de rememorar a figura de Don Antonio Fraguas Fraguas na súa dobre vertente de pedagogo e etnógrafo, a Fundación Antonio fraguas Fraguas fai a convocatoria dun concurso de proxectos didácticos encamiñados a realización dun programa de pescuda sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, xeográfico, historico e artístico do entorno inmediato entre os centros escolares de Galicia. deste xeito, peténdese alentar entre a comunidade escolar un traballo sistemático orientado á educación patrimonial, ao coñecemento do medio e a posta en valor dos máis diversos elementos do noso acervo cultural.

Na 6ª convocatoria de proxectos Didácticos da Fundación antonio fraguas fraguas, resultou premiado, na modalidade de ensino primario, o proxecto "As adiviñas na fala viva" presentado polo C.E.I.P. A Cristina.

Este proxecto consistia nunha recollida de adiviñas da nosa tradición oral para a posterior realización dunha serie de actividades, entre as que figuraban a edición dun álbum.

O profesorado implicado nesta materia, quere resaltar a importancia que teñen as relacións dos nenos e das nenas cos maiores e o valor que ten a transmisión da literatura oral popular entre distintas xeneracións para que non caia no esquence,emto. Vaia pois o agradecemento a todas aquelas persoas: avós, avoas, pais, veciños... que coas súas aportacións fixeron posible a realización deste traballo.

Asemade salientar o entusiasmo amosado por parte do alumnado na recollida, gravación e deseño do albúm.

Agardamos pois que a partir desta iniciativa sexan os alumnos e alumnas non só receptores senón tamén transmisores deste importante legado.

Agradecer tamén a Fundación Antonio Fraguas Fraguas a convocatoria destes premios que serven como alicente e estímulo ao profesorado que se sente motivado para levar a cabo estas experiencias educativas. CEIP A Cristina.


¿QUEN FOI Antón Fraguas Fraguas?


Antón Fraguas Fraguas (Insuela, en Loureiro (Cotobade), 28 de decembro de 1905– Santiago de Compostela, 6 de novembro de 1999), foi un destacado historiador e antropólogo galeguista.
Estudou o bacharelato en Pontevedra, onde foi alumno de Castelao e Antón Losada Diéguez, e a carreira de Filosofía e Letras en Santiago de Compostela, onde se licenciou en 1928.
Xa en 1923, con 18 anos, fundou en Pontevedra a Sociedade da Lingua, co obxectivo de loitar na defensa do galego e publicar un diccionario, que nunca saiu á luz. Cando foi a Santiago ingresou nas Irmandades da Fala e comezou a colaborar co Seminario de Estudos Galegos, no que foi admitido como membro en 1928, nas seccións de Xeografía e de Etnografía e Folclore. Dentro do Seminario iniciou o estudo da xeografía histórica de Galicia, dedicándose especialmente ás rías Baixas e ás terras de Cotobade. Como etnógrafo, comezou co estudo dos costumes ó redor do Entroido.
Foi profesor do instituto da Estrada desde 1933 ata o comezo da Guerra Civil, en que foi separado do posto como represalia ás súas actitudes galeguistas e tivo que traballar no ensino privado. Tivo que esperar ata 1950 para recupera-la cátedra do instituto e poder doutorarse, o que fixo na Universidade de Madrid cunha tese sobre o colexio de Fonseca. Posteriormente foi profesor en Lugo e Santiago, ata a súa xubilación en 1975.
Fraguas foi un dos protagonistas da transformación do Seminario de Estudos Galegos, desmantelado polo réximen de Franco, no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, no que foi bibliotecario, secretario e director da sección de Etnografía e Folclore, publicando as súas investigacións na revista editada polo Instituto, Cuadernos de Estudios Gallegos.
O 19 de abril de 1951 foi nomeado membro numerario da Real Academia Galega, na que ingresou o 8 de maio, ocupando a cadeira que deixara Castelao. Foi presentado por Salustiano Portela Pazos, Ramón Otero Pedrayo e Luís Iglesias Iglesias, e o seu discurso de ingreso, Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán (Coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade), foi contestado por Ramón Otero Pedrayo.
En 1963 foi nomeado director do Museo Municipal de Santiago, instalado no convento de San Domingos de Bonaval, que en 1975 pasou a ser denominado Museo do Pobo Galego. Xaquín Lorenzo era o Presidente da Fundación e, á morte deste en 1989, Fraguas ocupou os cargos de director e presidente. En 1994 doou ó Museo a súa biblioteca particular, composta por uns 20.000 volumes.
Outros cargos que desempeñou Fraguas ó longo da súa vida foron, entre outros, a coordinación da sección de Antropoloxía do Consello da Cultura Galega (1983), membro numerario da Real Academia Galega das Ciencias, a Real Academia da Historia, a Asociación de Arqueólogos de Portugal ou a Sociedade Portuguesa de Etnoloxía.
Foi nomeado Pontevedrés do ano en 1973; concedéronlle o Pedrón de Ouro en 1984 e a Insignia de Ouro do Museo do Pobo Galego o mesmo ano; recibiu o Premio Trasalba en 1985, e a Medalla Castelao; Premio Otero Pedrayo en 1992, ano en que tamén foi nomeado Cronista Oficial de Galicia; Premio das Artes e das Letras de Galicia en 1995. En 1989 foi nomeado fillo adoptivo de Santiago de Compostela.
Trala súa morte, creouse a Fundación Antonio Fraguas no Museo do Pobo Galego, co obxecto de “proxectar, conservar e dinamiza-lo patrimonio que Fraguas e toda a xeración por el representada crearon e rescataron para a conservación furura da memoria de Galicia”.
Así mesmo, a Deputación Provincial da Coruña convocou na súa memoria o Certame de Artesanía Antonio Fraguas Fraguas.

SUAS OBRAS:

Geografía de Galicia (1953)
Galicia insólita (1973)
Lugo (1974)
Murguía, o patriarca (1979)
Literatura oral en Galicia (1980)
El traje gallego (1985)
Aportacións ó cancioneiro de Cotobade (1985)
Aquilino Iglesia Alvariño: vida e obra (1986)
Romarías e santuarios (1988)
Celso Emilio Ferreiro (1989)
La Puerta Santa (1993)
Do Entroido (1994)
As cousas de Antonio de Insuela (1996)
A festa popular en Galicia (1996)
Ademais das publicacións anteriores, Fraguas escribiu numerosos artigos de divulgación en xornais e revistas especializados ou non, así como colaboracións en publicacións conxuntas con outras personalidades da etnografía galega.

No hay comentarios: