24/1/09

ENTREVISTA A CONSELLEIRA DE EDUCACION SOBRE A SUPRESION DAS CLASES POLO TEMPORAL

laura sánchez Piñón conselleira de educación e ordenación universitaria .
«A decisión non se podía tomar nin antes nin despois»
Asegura que o aviso se deu no momento xusto, cando o parte meteorolóxico indicou que ir a clase podería ser un risco.

A conselleira de Educación sabe que desbaratou os horarios de moitos pais coa súa decisión de pechar onte os colexios e institutos, pero defende a súa actuación cos datos do tempo. Laura Sánchez Piñón insiste: «O primeiro é a seguridade dos nenos».

-¿Por que decidiu suspender as clases?
-Decidimos suspender as clases ante as previsións meteorolóxicas que indicaban un alto risco de temporal, sobre todo de fortes ventos, con refachos de máis de 140 quilómetros por hora, que afectaban fundamentalmente ás provincias da Coruña e Lugo. Durante toda a tarde, os datos que nos chegaban desde MeteoGalicia e o ministerio en Madrid indicaban un empeoramento do tempo. A partir das oito e media da tarde [do xoves], a consellería, Protección Civil e MeteoGalicia tomamos a decisión polo alto risco que se prevía e para velar pola seguridade dos alumnos e dos profesores.

-Unha das queixas dos pais é que o aviso se deu tarde. ¿Non foi posible facelo antes?
-As previsións meteorolóxicas van cambiando co tempo. O xoves, as previsións e os datos dos que dispoñía MeteoGalicia foron variando de hora en hora, ao longo da tarde. A partir das seis da tarde sabíase que habería ventos moi fortes, e cando os datos indicaron que chegarían aos 140 quilómetros por hora é cando se tomou a decisión, baseada en datos científicos contrastados. A meteoroloxía, de tódolos xeitos, non é unha ciencia exacta.

-De feito, apenas houbo vento pola mañá.
-A meteoroloxía baséase na predición e na estatística. Os datos danse en función da previsión do momento. E nós, ante a dúbida de que puidese haber unha fronte a partir das dúas da tarde de hoxe [pola de onte], tomamos a decisión de suspender as clases e velar así pola seguridade nun momento no que o risco era grande.

-¿Entón non houbo improvisación nin descoordinación?
-Non pode haber improvisación porque baseamos a decisión nos datos dos organismos oficiais. A decisión non se puido tomar nin antes nin despois.

-¿Cómo desenvolveron o proceso para informar á comunidade escolar?
-Nada máis decidir que non habería clase, informouse a tódolos directores dos centros por teléfono, e-mail ou SMS, a través dos delegados provinciais. Todos foron informados e todos tiñan que estar hoxe [por onte] nos seus postos, agás que houbese risco para eles. Foron aos colexios e institutos a primeira hora da mañá e ata as doce do mediodía para informar ás familias que non coñecían o aviso.

-Algunhas enteráronse na porta do centro.
-Na provincia da Coruña, por exemplo, os nenos que se achegaron aos centros ou foron ás paradas de bus foron un 1,6% do total de alumnos. É dicir, o proceso de información funcionou perfectamente. Tamén haino que agradecer aos medios de comunicación, que informaron do aviso con moita prontitude, o cal favoreceu tamén a difusión. E as empresas de transporte escolar tamén colaboraron indo ás paradas a primeira hora da mañá para avisar aos pais que aínda non estivesen enterados. Estou moi satisfeita porque os equipos directivos dos centros responderon ao máximo nivel, coma sempre, e houbo un gran apoio do transporte e dos medios.

-¿Temían que o vento causase destrozos nalgún centro?
-Non só nas instalacións escolares, tamén no exterior dos centros. Este é un temporal forte.

-Aos pais aínda indignados, ¿que lles diría?
-Como conselleira de Educación e responsable dun Goberno, o primeiro é velar pola seguridade dos cidadáns. Esa foi a decisión que se tomou.

No hay comentarios: