17/11/08

SECRETARÍA XERAL DE POLITICA LINGÜÍSTICA



Máis de 1.500 escolares de Infantil e Primaria do Concello participan nunha campaña de animación lingüística.
Arredor de 1.500 nenos e nenas dos centros escolares de Carballo participarán ao longo do mes de novembro e ata o 18 de decembro nunha campaña de animación lingüística en galego promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración co Concello de Carballo e as editoriais Kalandraka, Galaxia e Edicións Xerais. A actividade está dirixida fundamentalmente aos alumnos de Infantil e Primaria e percorrerá non só os centros da capital municipal, senón tamén os dalgunhas parroquias, ademais do Pazo da Cultura.


O obxectivo, segundo expresou a directora xeral de Política Lingüística, Cristina Rubal, durante a presentación deste programa, é favorecer a dinamización do galego entre a infancia e a adolescencia, xa que "aí é onde está o futuro do idioma". Rubal subliñou que o Concello de Carballo é "un dos que atraen un maior número de iniciativas" relacionadas coa lingua e con maior resposta por parte da poboación.

En canto ás actividades, a Editorial Galaxia leva o 18 de novembro ao Auditorio do Pazo da Cultura 'Flis-fli-ris-flas. Cóntallo en galego' para un total de 525 alumnos e alumnas de primeiro e segundo de Primaria. Edicións Xerais colabora coa organización dunha actuación da compañía Trinke-Trinke, que leva ata o Pazo da Cultura a representación de 'Os soños na gaiola' de Manuel María. Será o 20 de novembro para os nenos e nenas do CEIP Fogar.

Por último, do 1 ao 18 de decembro será Kalandraka a encargada de difundir a tradición oral do galego con 'Cantar e contar. Ler na nosa lingua', que viaxará polos colexios e tamén ata unha exposición no Pazo da Cultura entre o 1 de decembro e o 8 de xaneiro. "O idioma é patrimonio de todos", resaltaba o Alcalde, Evencio Ferrero, durante a presentación do programa, engadindo que Carballo é un dos municipios con máis galegofalantes e desexando que "cada vez máis persoas empreguen o idioma".

No hay comentarios: