A primeira parte da exposición son as pezas cerámicas do ferrolterrán Francisco Pérez Porto para o libro-disco "Solaina", do que se toma a imaxe da campaña. Acompañan estas placas unha serie de instrumentos musicais e varios obxectos de valor antropolóxico recuperados da cultura tradicional galega.
Tamén se expoñen as ilustracións dos galegos Federico Fernández, Ana Míguez e Sofía F. Rodríguez. O primeiro é o autor da proposta plástica elaborada para a obra "Chibos chibóns", que se adaptou tamén á linguaxe de pictogramas para nenos con autismo e outras necesidades educativas especiais. Na mesma sala tamén se poden contemplar as figuras de plastilina que ilustran o conto "Os sete cabritos", do que KALANDRAKA leva publicados máis de 30.000 exemplares.
Facer clik sobre a imaxe para ampliala

Xunto cos artistas galegos, a exposición conta coa obra doutros ilustradores convidados. Así, o valenciano Pablo Auladell ilustrou "A casiña de chocolate", un título que KALANDRAKA reeditou co gallo do décimo aniversario da editorial. Na exposición do Pazo da Cultura destaca unha reprodución -de gran formato e feita con cartón- da casa ilustrada por Auladell para este conto dos irmáns Grimm.
Do tamén levantino Pablo Mestre pódense admirar as fotografías coas que reinterpretou o clásico "A ratiña presumida", no que cada animal se representa con obxectos musicais como campaíñas, axóuxeres e chocas.
Ademais, figuran os orixinais de "Os tres osos", realizados polo extremeño Miguel Tanco cunha técnica mixta a base de acrílicos, collage e materiais textís. Por último, a exposición complétase coas ilustracións do catalán Josep Rodés para "Batalla de naipes", un libro que converte as cartas da baralla española en personaxes dun orixinal conto contra a guerra.
O PAZO DA CULTURA DE CARBALLO CONVÉRTESE NUN PEQUENO MUSEO PARA A CAMPAÑA "CANTAR E CONTAR" DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA E KALANDRAKA .
A mostra de ilustracións permanecerá aberta ao público ata o 8 de xaneiro
No hay comentarios:
Publicar un comentario