24/10/09

CAMBIO DE HORA

Os reloxos atrásanse esta madrugada para recuperar o horario de inverno.

Os reloxos atrasaranse a próxima madrugada (ás 3:00 serán as 2:00 horas) para recuperar así o horario de inverno, unha medida para todos os países da Unión Europea que ten como fin o aforro de enerxía e realízase sempre o último domingo de outubro. Segundo estimacións do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), España podería reducir ata un cinco por cento o seu consumo de electricidade co cambio de horario, o que equivalería a uns 300 millóns de euros. Esta entidade pública, dependente do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio calcula que, deses 300 millóns, 90 millóns corresponderían aos fogares, o que supón unha media de seis euros por vivenda, e os outros 210 poderíanse reducir co aforro enerxético nos edificios do sector terciario e na industria. A responsable do Programa de Cambio Climático de WWF España, Mar Asunción, asegurou que "o cambio de hora non supón un aforro enerxético significativo, porque en España o que se aforra polas mañás gástase en iluminación durante as tardes". O impacto desta medida é diferente segundo as diferentes latitudes, e "aínda que pode ser efectiva nos países do norte de Europa, en España serían necesarias políticas estruturais que incentiven o aforro e penalicen o malgaste que se produce sobre todo en iluminación e en climatización", engadiu. O cambio de hora foise xeneralizando a partir de 1974, tras a primeira crise do petróleo, cando algúns países decidiron adiantar os seus reloxos para aproveitar mellor a luz do sol e consumir menos electricidade en iluminación. Esta medida aplícase como directiva desde 1981, pero coa aprobación da Novena Directiva, polo Parlamento Europeo e Consello da Unión Europea, en xaneiro de 2001, este cambio de horario aplícase con carácter indefinido en todos os países comunitarios. Segundo os estudos da Unión Europea, a medida ten "impactos positivos non só sobre o aforro, senón sobre outros sectores como o transporte, as comunicacións, a seguridade viaria, as condicións de traballo e os modos de vida, a saúde, o turismo ou o lecer". Independentemente do cambio de hora, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e o IDAE recomendan aos cidadáns que contribúan ao aforro de enerxía durante todo o ano cunha actitude responsable no fogar á hora de prescindir da iluminación artificial cando non é necesaria. Seguir determinadas pautas ou hábitos pode permitirnos, sen renunciar ao confort, aforrar ata 100 euros ao ano, ademais de evitar emisións contaminantes á atmosfera.
.

No hay comentarios: