9/1/09

ENTREVISTA LAURA PIÑON E COMENTARIOS

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria
Laura Sánchez Piñón: “Queremos levar as actividades fóra de horario escolar a todos os concellos”.
Educación ampliou a partida para estender ao conxunto de Galicia unha medida clave para conciliar vida familiar e laboral e mellorar a formación ·· A súa titular salienta que, pese á crise, as accións da consellería mantéñense como prioritarias.
O ano 2008 queda atrás, pero o curso continúa e na Consellería de Educación séguese a traballar arredor deste curso e do que vén. Para Laura Sánchez Piñón, a educación –reflicte no seu discurso– é un dos alicerces dunha sociedade máis xusta, e tamén dun país mellor preparado fronte aos vaivéns da economía. A conselleira socialista leva a batuta da construción dun proxecto con varios puntos en común coas propostas que, recorda, o propio Barak Obama incluíu no seu programa como estratéxicas para os Estados Unidos: o reforzo dos idiomas, da formación en ciencias e a educación postobrigatoria, esta última o talón de Aquiles do sistema educativo español, por mor do alto abandono tras a ESO. No tocante ao financiamento, salienta que, pese á austeridade das contas da Xunta, as políticas do seu departamento están en primeiro lugar.

As destrezas orais en idiomas estranxeiros son unha das eivas tradicionais da educación española, ¿que medidas adoptou o seu departamento e que resultados están a dar?
O ensino das linguas é un dos grandes obxectivos de cara aos anos vindeiros e no que vimos traballando. En 2008 consolidáronse as bolsas para estadías de estudos de inglés ou francés no estranxeiro e campamentos de inmersión lingüística en España e en 2009 convocaremos 2.600 prazas. O alumnado que participa nestas accións, segundo o seu profesorado, mellora a pronunciación e a expresión de forma moi clara. As seccións bilingües, que imparten materias non lingüísticas nun idioma estranxeiro, é outra aposta nesta liña. Este curso incrementáronse moitísimo, pasamos a unhas 600 e demos un salto moi grande en Primaria, ata as cen. Temos ademais un convenio co Ministerio para accións formativas do profesorado en idiomas, e contamos dende o curso pasado con Erasmus, doutros países, como asistentes de conversa, un programa moi atractivo para o alumnado.

¿E que hai do decreto do galego?, ¿como valora a súa aplicación?
A proba de avaliación de diagnóstico (que este ano se estrea en 4º de Primaria e 2º da ESO) farese loxicamente tanto en galego como en castelán e daranos os primeiros resultados de como vai o decreto, que leva un curso e tres meses en marcha. A súa implantación ten unha aceptación total entre as familias. As protestas son anecdóticas nun sistema que ten 400.000 alumnos.

No apartado tecnolóxico, ¿en canto está a ratio alumnos/ordenador?
Nesta lexislatura pasamos dun ordenador cada 13 alumnos a un cada cinco, como en Reino Unido ou comunidades como o País Vasco. Agora toca incidir na formación docente para o uso destes equipos e doutros como os encerados electrónicos. Tamén sería interesante que cada centro teña un dinamizador en tecnoloxías da información e da comunicación, e se avanzou moito na conexión á Internet.

En 2008 estendeuse o proxecto piloto de actividades fóra de horario escolar a 600 centros, de 168 concellos, ¿como continuará?.
A colaboración entre os concellos e a consellería fixo posible levar estes servizos a moitos sitios pequenos, do rural, algo que ten unha complexidade moito maior que chegar a grandes núcleos de poboación. Recibimos proxectos moi bos, dende comedores e os chamados madrugadores (os almorzos), e as actividades extraescolares máis lúdicas ata as de reforzo de estudo, que antes se cubrían con clases particulares. Entre finais de xaneiro e comezos de febreiro sairá a nova convocatoria para o curso que vén, cunha partida que medra significativamente, ata os tres millóns de euros, porque queremos levar estas actividades aos 315 concellos. É probable que chegar a todos non sexa posible, sempre pode haber algún que non participe, pero a nosa idea é esa, e seguro que o efecto chamada axuda, porque os propios pais animarán os centros a optar por un servizo que xa hai nos concellos veciños.
Nesta lexislatura creáronse unha serie de programas contra o fracaso escolar, ¿nótanse os resultados?
Xa hai uns 600 centros que teñen algún plan de mellora do éxito escolar. Os resultados empezan a verse, pero haberá que agardar para avalialos. Notarémolo cando os rapaces que participan neles cheguen ao final da ESO. E o importante é tanto aumentar o número dos que rematan esta etapa como o dos que seguen a estudar. A grande aposta de futuro é, de feito, aumentar o alumnado que continúa facéndoo tras a obrigatoria, a través da FP. Na universidade estamos moi ben, máis do 40% dos mozos optan por esta vía. Pero deberiamos pasar do 37% que elixe a FP ata o 50%.
¿E como se consegue iso?
Hai que chegar aos pais, a través dos titores e dos orientadores, incidir nos últimos anos da ESO na necesidade de seguir a estudar para conseguir inserirse no mercado laboral. Hoxe calquera experto en economía pon o acento na formación e cando se fala de España, no que sae mal é neste tramo da FP.

¿E hai que mudar a oferta de FP?
A oferta de FP era ás veces excesivamente ríxida, como parada no tempo, cando ten que ser dinámica.Ten que ser máis flexible e dar resposta a sectores nos que hai dez anos non se pensaba, como o das enerxías renovables ou o coidado de persoas maiores. E para iso hai que ir da man coas empresas e administracións como os concellos, que coñecen as necesidades de cada zona. Xa traballamos así en Ferrolterra e este curso a matrícula de FP na comarca incrementouse un 9%.

A universidade adáptase ao espazo europeo e xorden voces en contra...
Boloña é unha aposta clara polo ensino público. Non haberá unha redución da formación. As carreiras serán de catro anos, e en moitos países son de tres, e por primeira vez os másteres, a especialización, será a prezos públicos. É ademais unha aposta pola mobilidade e por Europa. Penso que despois do euro, o proceso de Boloña vai ser a acción máis potente das políticas europeas. O financiamento seguirá sendo practicamente público e o Goberno central, igual que se fixo coa LOE, que ten unha memoria económica de sete millóns de euros, está traballando nesta cuestión.

¿Para cando o novo plano de financiamento dos campus galegos?.
Mantemos o c0mpromiso de telo listo no primeiro semestre deste ano, coa idea de dar resposta a Boloña e tamén aos retos da investigación.

No hay comentarios: