Mostrando entradas con la etiqueta servizos minimos folga 21 xaneiro no ensino. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta servizos minimos folga 21 xaneiro no ensino. Mostrar todas las entradas

20/1/10

FOLGA DO PROFESORADO NO CEIP A CRISTINA O XOVES

A Dirección do colexio informa:

Aos pais, nais e titores dos alumnos e alumnas que está convocada para mañán xoves 21 de xaneiro por diferentes sindicatos de profesores e profesoras, folga no ensino público, con motivo do borrador da elaboración do decreto de plurilinguismo no ensino non universitario de Galicia.

Ante esta situación e tendo en conta que o profesorado das diferentes titorías e especialidades exercerá o seu dereito á folga (Eucación infantil 3,4, e 5 anos, Educación primaria, 1º,2º,3º,4º, 5º, 6º, Música, PT ) ao non haber profesorado non poderá desenvolverse a actividade lectiva coa normalidade habitual.
Sen máis, agradecemos de antemán a súa colaboración.
.
POR OUTRA BANDA A CONSELLERIA DE EDUCACION PUBLICOU A ORDE DE SERVIZOS MINIMOS PARA GARANTIR A APERTURA DOS CENTROS.
Esta lista terá que figurar no taboleiro de anuncios do colexio.
CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Orde do 13 de xaneiro de 2010 pola que se ditan normas que determinan os servizos mínimos do persoal docente dependente da Consellería de Educación e Ordenación
Universitaria, durante a folga convocada para o día 21 de xaneiro de 2010.
O exercicio do dereito de folga queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG do 20 de xuño), entre os que se atopa a educación.

O artigo 3 do devandito decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, e o persoal preciso para prestalos.
As organizacións sindicais CIG-Ensino e STEG comunicaron a convocatoria dunha folga para o persoal docente non universitario dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e que se desenvolverá entre as 00.00 horas do día 21 de xaneiro de 2010 e as 24.00 horas da mesma data.
A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a Administración autonómica, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais que se concretan e xustifican nesta orde.
O servizo esencial da educación non pode ser reducido exclusivamente á actividade docente, xa
que, xunto a esta actividade docente, realízanse outras funcións como son a vixilancia e coidado dos nenos e nenas, menores de idade, que acoden aos centros docentes públicos. Con carácter xeral, o artigo 39 da Constitución depara unha protección especial aos menores; dun xeito máis específico, o artigo 15 do Real decreto 732/1995 (do 5 de maio, publicado no BOE do 2 de xuño), polo que se establecen os dereitos e deberes dos alumnos e as normas de convivencia nos centros, dispón no seu artigo 15 que todos os alumnos teñen dereito a que a súa actividade académica se desenvolva nas debidas condicións de seguridade. Polo tanto, a custodia dos menores de idade que se atopen nun centro docente público, o cumprimento dos principios constitucionais mencionados e dos dereitos citados é responsabilidade ineludible desta Administración educativa e parte indivisible do dereito esencial á educación.
O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores, dada a súa entidade, debe exercerse continuamente. Como servizo mínimo para garantilos establécese a necesaria presenza nos centros docentes do/a director/a, ou, de ser o caso, doutro membro do equipo directivo que o/a substitúa, xa que tales membros do equipo directivo teñen a representación do centro e garanten o cumprimento das leis e demais disposicións vixentes, como sinalan as alíneas a) e d) do artigo 132 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio (de educación, publicada no BOE do 4 de maio), e polo tanto están capacitados e facultados para resolver calquera incidencia respecto da seguridade dos menores de idade. Así mesmo, consonte a normativa citada, o director tamén está facultado e capacitado para resolver calquera incidencia que se poida producir respecto do conxunto dos bens que integran un centro docente.
De acordo coa normativa citada e cos argumentos expostos, e de conformidade co comité de folga,

DISPOÑO:
Artigo 1º
Terán a consideración de servizos mínimos para o persoal docente dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria o/a director/a ou membro do equipo directivo en cada centro docente non universitario.
Artigo 2º
A designación nominal do persoal que deberá cubrir os distintos servizos relacionados no artigo
anterior será feita pola dirección do centro respectivo, e procederase á súa publicación no taboleiro de anuncios dos centros afectados.
Artigo 3º
O incumprimento da obriga de atender os servizos mínimos fixados nesta orde será sancionado de conformidade coa normativa vixente.
Artigo 4º
O disposto nesta orde non suporá ningunha limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal na dita situación.
Artigo 5º
Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios
dos establecementos docentes.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2010.
Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación
Universitaria.


.